O Concello de Lugo presenta o Plan para o desenvolvemento do Barrio Multiecolóxico
O martes 23 de xullo presentouse ante os medios de comunicación o Plan Biodinámico en base ao que se planificará o Barrio Multiecolóxico da cidade de Lugo, cuxa licitación foi aprobada nos pasados días.
Durante a presentación, que contou coa presenza do Presidente da Deputación de Lugo, a deputada Pilar Porto e o director de PEMADE e catedrático do Campus Terra, Manuel Guaita, a alcaldesa, Lara Méndez, destacou que este barrio contempla a creación de 1.200 vivendas e espazos verdes, que contribuirán á loita contra o cambio climático. O 45% destas vivendas serán públicas, para atender ás necesidades da veciñanza.
Este Plan Biodinámico senta as bases do Barrio Multiecolóxico de Lugo, o primeiro de España, que se desenvolverá no municipio para mellorar o benestar dos veciños e veciñas e que tamén nace co obxectivo de ser un exemplo de planificación exportable a outras cidades medias europeas. “O cambio climático obriga aos municipios a adaptarnos ante os seus efectos, segundo indica Europa. Mais para nós, dende hai anos, isto é unha convicción de Goberno, xa que cremos que o futuro está nas mans das cidades que saiban integrar o verde urbano, a enerxía renovable, a eficiencia enerxética, a mobilidade menos motorizada e a economía circular nunha estratexia territorial de adaptación a este cambio climático”, indicou a Alcaldesa.
Este novo barrio, un dos eixos do LIFE Lugo + Biodinámico, desenvolverase na Garaballa, e terá a madeira como elemento estrutural para a construción de vivendas, fomentando a produción e consumo sostibles e mitigando o cambio climático. Para o deseño e construción destas vivendas terase en conta a inclusión de criterios bioclimáticos e de eficiencia enerxética. Neste espazo tamén se erguerá o edificio Impulso Verde, que será o primeiro edificio público que se constrúa en madeira galega e no que se aplicará o catálogo de medidas sostibles que prepara o Concello de Lugo da man da Universidade e que se publicará na nosa páxina.
O Barrio Multiecolóxico, entre outras medidas, contempla:
– a adaptación ao terreo natural para o uso racional do territorio e os recursos naturais, garantindo a compatibilidade entre crecemento, desenvolvemento e progreso económico coa preservación do medio ambiente e os valores de paisaxe, cultura, historia e etnografía da contorna.
– a revisión dos parámetros de habitabilidade para garantir a confortabilidade e seguridade dos cidadáns e cidadas, no tocante a temperatura, sombras, paisaxe sonora, volume verde, diversidade urbana ou inmisión contaminante.
– o fomento de uso de materiais, produtos e tecnoloxías limpas que reduzan as emisións contaminantes e de gases de efecto invernadoiro do sector da construción, así como de materiais reutilizados e reciclaxe que contribúan a mellorar a eficiencia no uso dos recursos. Incidirase no uso da madeira como elemento estrutural na construción dos edificios en troques doutros materiais coma o aceiro ou o formigón, reducindo así o impacto ambiental.
– a organización dos espazos, conformando unha “aldea urbana” que proporcione á veciñanza vivenda, transporte, instalacións e servizos creativos e comunitarios, espazos públicos e pequenos comercios. Deste xeito, crearase un amplo abano de usos no barrio.
– acadar o máximo nivel de autosuficiencia para obter un sistema neutro de carbono apostando pola xeración de enerxías renovables. Crearanse, para iso, redes de calor urbanas onde reaproveitar a biomasa da zona para abastecer unha central de biogás, que será o “quecedor do barrio”, coa fin de priorizar a enerxía renovable fronte á fósil, enerxeticamente pobre.
– buscar a máxima autosuficiencia hídrica que combine as medidas de captación con medidas de aforro e eficiencia.
– incorporar na edificación unha estratexia de vexetación urbana, con cubertas e balcóns que poderán acoller cultivos hidropónicos, paneis solares e mesmo invernadoiros acristalados. Neste marco promoveranse as instalacións que provean produtos de alimentación e de carácter básico que permitan o abastecemento da poboación, estimulando o crecemento verde e a economía circular.
– fomentar a mobilidade alternativa e sostible, coa instalación de carrís bici por todo o barrio e sendas para fomentar os desprazamentos a pé. Estes espazos contarán con estradas verdes e espazos naturalizados con especies autóctonas para mellorar a calidade e a integración paisaxística na contorna.
– convertir o espazo público no elemento estruturante da ordenación do barrio, cunha rede de equipacións e espazos verdes que sexan o eixo principal da vida social do Barrio.
– aplicar a perspectiva de xénero no urbanismo, reforzar a participación, a distribución dos recursos, e reducir os valores discrimintaorios estruturais, favorecenco unha igualdade efectiva.