Co gallo do Día Mundial dos Humidais promovido pola Convención de Ramsar, LIFE Lugo + Biodinámico organizou unha xornada divulgativa para dar a coñecer entre os alumnos e alumnas do CEIP Albeiros as accións do proxecto para recuperar estes espazos naturais.

Este encontro, ao que asistiron 50 nenos e nenas de 5º de Primaria, enmárcase dentro das actividades do Foro Verde do proxecto, que ten como obxectivo dar a coñecer entre a cidadanía todas as accións e beneficios para Lugo que terá o proxecto LIFE.

Durante esta visita, que protagonizaron o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro e membros do profesorado da USC, unha das entidades colaboradoras do proxecto, fíxose especial fincapé na recuperación do humidal das Gándaras O Ceao e a súa posible declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) nos vindeiros días.