Os días 3 e 5 de novembro, o edificio Impulso Verde do LIFE Lugo + Biodinámico recibirá a visita de diferentes asociacións científicas e da madeira de España, Portugal e Francia. Nestas visitas guiadas ao edificio analizarase a súa construción e integración coa contorna, como exemplo de edificación innovadora e sostible.

Estas visitas enmárcanse no proxecto europeo EGURALT, que conta con financiación dos fondos FEDER e que promove o intercambio de coñecementos adquiridos no eido da construción en altura en madeira no espazo SUDOE (Sudoeste Europeo), sempre coa ollada posta na loita contra o cambio climático a través do uso de materiais que proveñan de fontes renovables e sostibles.

Deste xeito, o día 3 de novembro celebrarase dende as 17h un obradoiro organizado polo Concello de Lugo e PEMADE, socia do proxecto, ao que asistirá o responsable de FSC España, Gonzalo Anguita e no que participarán SerQ -Centro de Inovação e Competências da Floresta– Associação (Portugal); Pôle de Compétitivité Xylofutur Prod Mat Forets Cultivees (Francia); Nasuvinsa (Entidade responsable da promoción da vivenda pública en Navarra); a Fundación Centro de Servizos e Promoción Forestal e da súa Industria de Castela e León (España); a Asociación de Empresarios da Madeira de Navarra (España); a Asociación Baskegur de Biscaia (España) e a Axencia Galega da Industria Forestal -XERA- CIS Madeira (España).

O venres 5 de novembro, a partir das 17h, celebrarase outra visita ao edificio, contando coa Fundación Laboral da Construción en Galicia e organizada por PEMADE.

O proxecto EGURALT céntrase en tres eidos: a promoción de vivenda pública de madeira en altura; o desenvolvemento de novos produtos tecnolóxicos en madeira e a transformación do sector madeireiro necesaria para o cambio de paradigma da construción no espazo Sudoe.

Tags: