António Valentim, técnico da Divisão de Ambiente e Mobilidade do Município de Évora e coordinador do proxecto LIFE Água da Prata, visitou entre o mércores 20 e o xoves 21 de xullo a cidade de Lugo para coñecer de primeira man os avances do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico e, a través da aprendizaxe común, establecer sinerxías que beneficien a ambos proxectos.

Este encontro, que comezou cunha reunión no Concello de Lugo, tivo a continuación unha visita guiada polo edificio Impulso Verde e o novo bosque urbano das Gándaras, o que serviu para intercambiar experiencias entre os responsables dos dous proxectos.

Nesta reunión dende o LIFE Lugo + Biodinámico se puxo en valor a elaboración dun estudo piloto para a planificación detallada de zonas de confort climático residencial na cidade; a urbanización da parcela do Impulso Verde, coa humanización da contorna, a creación de xardíns de choiva e dun carril bici, alén da pavimentación de zonas peonís con material drenante; ou a creación dunha innovadora zona verde, de máis de 12.610 m² na Garaballa, que permitirá conciliar usos lúdicos, agrícolas e ecolóxicos coa creación de novos hortos urbanos.

O LIFE Água da Prata, promovido polo municipio portugués de Évora, ten como obxectivos principais a recuperación e reutilización das augas naturais de orixe subterránea para satisfacer as necesidades de rega das zonas verdes, o impulso de obras piloto de adaptación ao cambio climático que permitan harmonizar a reutilización do acueducto de Évora para a distribución de auga e promover a adaptación estrutural das zonas verdes.
Grazas a este encontro, moitos dos puntos que os dous proxectos LIFE teñen en común poderán servir de aprendizaxe para ambas cidades.