Dentro do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, unha das accións contempladas para conseguir adaptar a cidade de Lugo ás accións do cambio climático é o control climático dos barrios, tanto dos que se están a proxectar para o futuro, coma dos actuais. Deste xeito, as novas urbanizacións que se deseñen terán que ser desenvolvidas segundo variables do clima en prol da confortabilidade, o aforro enerxético e a diminución de emisións contaminantes.

Os traballos, que foron adxudicados polo Concello de Lugo o pasado mércores, desenvolveranse nos vindeiros sete meses e terán un custo de 45.254 euros. Nunha primeira fase centraranse no Barrio Multiecolóxico para despois incluir a análise da praza do Agro do Rolo co obxectivo non só de proxectar zonas residencias con maior calidade de vida senón tamén de mellorar algunhas das xa existentes.

Deste xeito o LIFE Lugo + Biodinámico avanza no cambio de paradigma da planificación urbana da cidade, apoiándose na construción de barrios neutros en carbono, capaces de non emanar gases de efecto invernadoiro, transformándose nunha cidade combativa co cambio climático. Con esta actuación vanse aportar solucións de deseño aos barrios en función das variables climáticas, tanto nas edificacións como nos espazos públicos, o que permitirá reducir as emisións contaminantes e diminuír o consumo de recursos materiais, auga e enerxía, creando unha rede acolledora de contornas confortables para a veciñanza.

Este estudo de planificación recollerá variables como as coordenadas solares, os ventos dominantes e os índices de humidade na área de intervención, así como o aproveitamento das horas de luz, a cuantificación das necesidades térmicas, ou a topografía do terreo, entre outros moitos aspectos que resultan determinantes na xeración do microclima propio de cada barrio.

O traballo aplicará a avaliación climática á morfoloxía do novo núcleo residencial que se proxecta na Garaballa para definir a orientación das rúas e das edificacións, así como os criterios de deseño dos espazos entre edificios, o uso da vexetación, a selección de materiais de urbanización e o emprego de cubertas axardinadas e fachadas vexetais. Todas as solucións que se propoñan e que se incorporarán ao deseño final do Barrio Multiecolóxico deberán contar cunha valoración e incorporar unha ferramenta de simulación do comportamento climático deste espazo a microescala.