O Concello de Lugo celebrou, o pasado día 9 de maio, o Día de Europa cunha serie de actividades entre as que destacou, entre outros, a presenza do LIFE Lugo + Biodinámico como proxecto europeo que aposta polo futuro sostible da cidade.

Nesta xornada tivo lugar un primeiro acto institucional presidido pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, no que se deu lectura ao Manifesto en favor do achegamento que Europa fai dos pobos que a conforman. No manifesto, Lara Méndez salientaba que “dende o Concello de Lugo cremos nunha Europa plural e multicultural, aberta ao mundo, igualitaria, solidaria, integradora e cohesionada porque cremos que só así deseñaremos un proxecto útil ao servizo da cidadanía. De feito, non podemos entender Lugo sen Europa, que contribuíu á mellora da calidade de vida da veciñanza a través dos fondos achegados nas estratexias que xa se puxeron en marcha e a través das que estamos a desenvolver para habitar nunha cidade máis verde e sostible, máis humana e inclusiva, onde prime a recuperación dos espazos públicos para a cidadanía, o fomento do emprego, a protección e o impulso das nosas paraxes e dos nosos recursos naturais ou a difusión e coidado do noso patrimonio.”

Ademais do LIFE Lugo + Biodinámico, entre as actividades e as mesas informativas tamén se atopaban proxectos que o Concello está a desenvolver con fondos europeos coma o Muramiñae:da Muralla ao Miño.