O proxecto LIFE Lugo + Biodinámico participará os días 19, 20 e 21 de novembro nun curso sobre construción con madeira contralaminada organizado por PEMADE, no que colabora Xilonor (Fabricante de CLT). Esta actividade [edit 3/11/2020] celebrarase de forma telemática debido ás novas restriccións sanitarias pola crise da COVID-19.

A madeira contralaminada ou CLT é un produto composto por varias capas de madeira pegadas lonxitudinal e transversalmente, que aporta todas as vantaxes da madeira maciza ao tempo que acurta os prazos da construción, polo que resulta un produto sostible que proporciona un gran aillamento das altas e baixas temperaturas e contra o lume. A madeira contralaminada permite desenvolver elementos de cuberta, forxados e muro que cumpren tanto cos criterios estruturais do código técnico da construción, coma cos principios da construción de alta eficiencia enerxética, xa que regulan a humidade e crean ambientes interiores confortables.

Dende o LIFE Lugo + Biodinámico convidamos a todas aquelas persoas interesadas nos novos modelos de construción eficiente e sostible a participar e a coñecer, da man dos expertos do Campus Terra e de profesionais do sector a nivel internacional, os proxectos, ensaios e avances que a investigación e o desenvolvemento da construción con madeira contralaminada aportan ao presente e o futuro da edificación.

O curso, de tres días de duración, recollerá temas como a presentación do edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia levantado exclusivamente en madeira autóctona, os criterios das Passivhaus ou o aforro enerxético da construción con madeira e as súas especificacións técnicas. Ademais de coa presenza da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o curso contará na súa inauguración con membros da Deputación de Lugo e do reitorado da USC, así coma das organizadoras PEMADE e Xilonor.

O curso abre a inscrición este luns 21 de setembro, para dar a coñecer de primeira man os beneficios que para a cidadanía e o medio ambiente ten a construción con madeira contralaminada. A inscrición pode facerse a través deste formulario. As 50 prazas do curso xa están completas, pero temos aberta unha lista de espera.

Consulta o programa aquí: CURSO ONLINE CLT_LIFE LUGO+BIODINAMICO