Un dos obxectivos do programa LIFE é o establecemento de sinerxias entre proxectos de diferentes países con obxectivos semellantes. Deste xeito, os proxectos poden intercambiar información e datos entre eles e aproveitar ao máximo a experiencia allea.

Con este obxectivo en mente, o vindeiro xoves 6 de xuño producirase unha xuntanza en Lugo co proxecto LIFE EMU NEW, que visitará as plantacións e recibirá formación sobre o noso proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.

Este proxecto, que se está a desenvolver en Polonia, ten como obxectivo a recuperación de polímeros derivados de residuos plásticos para a preparación de emulsións bituminosas empregables na construción de estradas. Na actualidade Polonia é un dos países europeos con maior ratio de produción de plástico por habitante (60kg por persoa), e grazas a LIFE EMU NEW aumentará a taxa de recuperación de residuos plásticos. 

Coa información que recabemos mutuamente neste encontro, seremos quen de seguir mellorando as nosas estratexias para loitar contra o cambio climático.