O Centro Social de Lamas de Prado, levantado polo Concello de Lugo para dar servizo á veciñanza dos barrios do Carme, A Cheda, Abella e Castiñeiro, érguese seguindo os principios de edificación sostible do edificio Impulso Verde. Este novo inmoble, construído con madeira galega, dá continuidade ao modelo urbano que ten a súa base no LIFE Lugo + Biodinámico e está próximo aos estándares dunha Passivhaus polas prestacións de illamento que ofrece.

O consumo de enerxía primaria deste novo edificio será un 40% menor respecto ás construcións convencionais, a instalación disporá de 65 paneis fotovoltaicos e contará ademais cun peche de láminas de madeira para regular a incidencia do sol e controlar o confort climático interior. A alcaldesa destacou o aproveitamento que se fixo das sinerxías co programa LIFE “xa que a madeira, de orixe galega, foi o principal elemento estrutural da edificación, na liña do Impulso Verde e en consonancia co urbanismo sustentable que xa é a marca que define a nosa cidade”.