Un dos compromisos do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico é mellorar a calidade do aire da cidade de Lugo.
Entre outras moitas medidas, algunhas das accións que nos levarán a acadar este obxectivo está a plantación de especies arbóreas autóctonas que garantan unha elevada absorción de CO2.

Dende agora, a nosa páxina web contén un espazo dedicado á consulta da calidade do aire, que atoparás no pé de páxina. Esta táboa, que recolle datos oficiais e actualizados varias veces ao día por Meteogalicia, proporciona información relativa aos niveis de diferentes compoñentes que se poden atopar no aire da cidade e que determinarán a súa calidade:

O volume de dióxido de xofre, monóxido de carbono, o dióxido de nitróxeno, as partículas de menos de 10μ (pó, polen, fume e demais compoñentes suspendidos no aire) e ozono O3 son os que indican a calidade do aire que respiramos. Se os índices son bos (están baixos) considérase que o aire da cidade é respirable e de boa calidade para todas as persoas, independentemente da súa condición. Se os índices suben, haberá persoas con afeccións respiratorias que poidan ter problemas, ou mesmo podería dar lugar a alertas por contaminación ou partículas en suspensión que levarían a tomar medidas que se aplican noutras cidades coma a suspensión do tráfico rodado ou semellantes.

Se queres consultala, vai ao pé da nosa páxina e visítaa. Alí tes toda a información que precisas!