A alcaldesa de Lugo Lara Méndez visitou o pasado luns 5 de setembro as instalacións de Xilonor, a primeira fábrica de CLT en Galicia.
Nesta visita, na que estivo acompañada dos socios da rede Mass Madera, a rexedora municipal puido comprobar de primeira man todos os avances que dende Xilonor están a facer no seu centro de produción no estudo e fabricación de madeira contralaminada para a construción. Lugo é, xunto a Cuenca e Barcelona, unha das tres administracións locais que impulsaron a creación da Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada, Mass Madera, unha plataforma presentada no pasado mes de xullo que nace coa vontade de tecer redes colaborativas que axuden a acelerar o uso deste material como solución á redución de emisións asociadas co sector da edificación.

A madeira contralaminada ou CLT é un dos elementos construtivos principais do edificio Impulso Verde. Trátase dun produto composto por varias capas de madeira pegadas lonxitudinal e transversalmente, que aporta todas as vantaxes da madeira maciza ao tempo que acurta os prazos da construción, polo que resulta un produto sostible que proporciona un gran aillamento das altas e baixas temperaturas e contra o lume.

O uso da CLT supón un cambio no proceso construtivo actual, que ten no edificio Impulso Verde e no proxecto de Barrio Multiecolóxico do LIFE Lugo + Biodinámico un exemplo a seguir na implantación dun modelo transformador, baseado no impulso da madeira e do sector forestal como solución construtiva, medioambiental e de diversificación económica.

A través da colaboración e posta en común coa Rede Española de Edificación con Madeira Maciza Industrializada búscase fomentar o intercambio de coñecemento, a divulgación e a posta en valor dunha axenda en común, creando iniciativas que fomenten a utilización da madeira maciza industrializada como alternativa ecolóxica para contrarrestar o contexto de emerxencia climática actual.