A pasada semana celebrouse de xeito telemático o Curso sobre Construción con Madeira Contralaminada organizado por PEMADE. Neste evento, o proxecto LIFE Lugo + Biodinámico tivo unha presenza destacada.

O curso contou coa presenza e participación da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen presentou o ciclo destacando que “con estas accións queremos dar a coñecer os beneficios que ten para a cidadanía e o medio ambiente a construción con madeira contralaminada, promovendo o seu uso no deseño dos edificios do futuro”.

Durante tres días sucedéronse as palestras e clases maxistrais impartidas por docentes e profesionais de diferentes organismos e institucións, tales como a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidad Politécnica de Madrid, FINSA, Xilonor ou PEMADE, co foco posto na madeira contralaminada ou CLT; un produto composto por varias capas de madeira pegadas lonxitudinal e transversalmente, que aporta todas as vantaxes da madeira maciza ao tempo que acurta os prazos da construción, polo que resulta un produto sostible que proporciona un gran aillamento das altas e baixas temperaturas e contra o lume. A madeira contralaminada é un dos elementos construtivos principais do edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia levantado exclusivamente en madeira autóctona, que foi presentado neste curso por Antonio Lara, Docente da UPM e arquitecto especializado en estruturas de madeira socio do noso proxecto.

O programa do curso pode consultarse na nosa web: CURSO ONLINE CLT_LIFE LUGO+BIODINAMICO