A alcaldesa Lara Méndez convida a toda a veciñanza hoxe, xoves 9 de xaneiro, a unha xornada informativa sobre o Barrio Multiecolóxico do Proxecto LIFE Lugo + Biodinámico. Este encontro terá lugar no CEI Nodus de Lugo e será a partir das 19h.

O obxectivo desta xornada será informar aos veciños da zona das Gándaras e a todas as persoas interesadas no proxecto LIFE sobre os avances na elaboración do Plan Biodinámico que servirá como base do Barrio Multiecolóxico proxectado no novo pulmón verde da cidade. Á xuntanza tamén acudirá o concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, e representantes da empresa que está a desenvolver as bases da planificación do barrio, a UTE Avento-Proy.

Este novo barrio, que se desenvolverá en dous sectores na zona da Garaballa, busca garantir a inclusión e a equidade social e interxeracional, así como promover a saúde e o benestar mediante o desenvolvemento dunha aldea urbana que proporcione á veciñanza un abano amplo de usos no barrio: vivenda, transporte, instalacións e servizos recreativos e comunitarios, espazos públicos e pequenos comercios. Planificado para 1.200 vivendas, o barrio parte dunha densidade de poboación baixa, seguindo as estratexias de crecemento sostible.

As solucións que se están a desenvolver van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. No deseño das edificacións esixirase a inclusión de criterios bioclimáticos e de eficiencia enerxética, e contará con medidas para a xeración de enerxía renovable, o fomento da mobilidade sostible, o uso de materiais e tecnoloxías limpas e o aforro enerxético, orientando os viais, zonas verdes ou edificios para aproveitar o sol e os ventos dominantes. 

O obxectivo do Plan Biodinámico, e de todo o proxecto LIFE, é colocar a Lugo como un referente europeo na loita contra o cambio climático en contornas urbanas, ao tempo que se promove un novo modelo produtivo baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais dispoñibles, apostando firmemente por unha economía sostible e a xeración de empregos verdes.