Continuando co ciclo de visitas ao edificio Impulso Verde, este martes 14 de xuño as alumnas e alumnos do ciclo de Carpintaría e Moble do IES de Ortigueira puideron percorrer as instalacións a través dunha visita guiada coa que coñeceron polo miúdo as especiais características deste inmoble.

O interese que esperta este edificio no alumnado e profesorado dos diferentes ciclos formativos relacionados coa construción e o traballo en madeira débese ao innovador uso da madeira como elemento estrutural, así coma a súa aposta pola sostibilidade e o consumo enerxético case nulo, reducindo as emisións de CO2 á atmosfera nun 90% con respecto a construcións homólogas de formigón e aceiro.

O Impulso Verde é a primeira construción de carácter público de Galicia levantada en madeira local e é, ademais, o primeiro edificio en España e un dos poucos no mundo en obter a certificación de proxectos FSC, unha prestixiosa garantía que confirma que esta construción non contribúe á deforestación e aposta polo produto local. Deste xeito, este edificio pioneiro convírtese nun referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.

Unha vez finalizada a visita, o alumnado e o profesorado do IES de Ortigueira puideron coñecer de primeira man o bosque urbano e o resto de accións que están a ser desenvolvidas na contorna polo LIFE Lugo + Biodinámico.