O Concello de Lugo traballa estes días na construción do novo centro interxeracional e polivalente de Servizos Sociais que se erguerá na rúa Poeta Aquilino Iglesia Alvariño, en Lamas de Prado. Trátase dun edificio de consumo enerxético case cero que, seguindo os pasos do edificio Impulso Verde, emprega a madeira como principal elemento estrutural e disporá dunha zona verde ao seu redor. Ademais no deseño tivéronse en conta criterios de ubicación en función das horas solares, e a zona sur disporá dun peche de láminas de madeira para regular a incidencia do sol e controlar o confort climático interior. Na súa construción téñense en conta criterios medioambientais e de sostibilidade, dentro da aposta por un novo modelo de urbanismo sostible que impulsa o executivo municipal, principalmente a través do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.

Coma no caso do Impulso Verde, este edificio terá funcións administrativas e para a veciñanza, xa que nel as veciñas e veciños de Lamas de Prado poderán recibir asesoramento e axudas sociais, formación e cursos, así como actividades recreativas ou de ocio tales como baile, teatro, espectáculos, xogos, etc. Contará, ademais, cunha distribución flexible para desenvolver actividades para os maiores, os mozos e os máis cativos e para facilitar a conciliación.

En palabras da alcaldesa Lara Méndez, “as obras, que comezaron a finais do mes de abril, continúan a bo ritmo e na actualidade xa se levou a cabo o acondicionamento do terreo, as cimentacións, forxado do chan, da planta baixa e da primeira planta; así como o levantado da estrutura de madeira e do oco do ascensor, o que supón un porcentaxe de execución da obra aproximado dun 35%”.