O proceso de recuperación do Humidal das Gándaras, recollido dentro do LIFE Lugo + Biodinámico, recibiu este martes 23 de marzo o recoñecemento da Federación Española de Municipios e Provincias. O plan de recuperación deste espazo natural obtivo o segundo premio na categoría de Medio Hídrico, na segunda edición dos premios outorgados pola Rede de Gobernos Locais+Biodiversidade pertencente á FEMP.

No Humidal das Gándaras, bosque de ribeira de gran valor en vías de ser declarado ENIL, estase a traballar a partir dun plan de conservación elaborado polo Concello de Lugo e a USC, a través do LIFE Lugo + Biodinámico, e que comprende unha serie de actuacións a nivel medioambiental que se estenderán nos vindeiros 10 anos cunha inversión municipal de 70.000 €. O labor de acondicionamento desta xoia natural de 6 hectáreas de extensión busca preservar a súa rica diversidade para que sexa un espazo de lecer, divulgación e investigación, xa que acolle especies de flora e fauna de interese comunitario polo seu especial valor de conservación e grao de ameaza en Europa.

O xurado da Rede de Gobernos Locais+Biodiversidade valorou cuestións relativas ao impacto do proxecto nas condicións da vida silvestre e os ecosistemas naturais; o desenvolvemento sostible e o fortalecemento da participación cidadá e a promoción da igualdade e equidade dentro das condicións locais. O xurado tamén salientou a capacidade exemplarizante deste proceso de recuperación, a posibilidade de replicarse con éxito noutros Gobernos Locais e a súa visión global ao integrar a iniciativa nunha estratexia global do Concello de Lugo no desenvolvemento urbano sostible e a conservación do patrimonio natural.

O galardón foi recollido, en nome do Concello de Lugo, polo concelleiro de Medio Rural e voceiro municipal Miguel Fernández.