O Cumio sobre o Clima, que se está a celebrar estes días en Madrid, acolleu esta mañá a presentación do LIFE Lugo + Biodinámico, da man da alcaldesa Lara Méndez.

O proxecto impulsado polo Concello de Lugo viviu hoxe un dos días máis memorables da súa andaina ata o momento, ao ter a oportunidade de darse a coñecer na #COP25, o órgano supremo da Convención Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático. Este cumio celébrase no momento de maior emerxencia climática do planeta e constitúe a última reunión para activar o Acordo de París.

A presentación do proxecto tivo lugar nun encontro organizado pola FEMP dentro das súas accións na #COP25, que levaba por nome “Los retos de los gobiernos locales frente al cambio climático“, no que diferentes alcaldes, alcaldesas e presidentes de Deputacións expuxeron as iniciativas que dende os seus organismos locais ou provinciais están a desenvolver para adaptarse ao cambio climático e loitar contra os seus negativos efectos.

Durante a presentación, a Alcaldesa destacou que o LIFE Lugo + Biodinámico é un proxecto que quere, dende o local, “cambiar o modelo produtivo e a mentalidade como resposta ao cambio climático, apostando por unha cidade máis humana e verde”. Sinalou como estandartes do proxecto o edificio Impulso Verde, a aposta polo Plan Biodinámico e o desenvolvemento do Barrio Multiecolóxico, que destacan tamén como elementos facilmente exportables a outras realidades locais coma a de Lugo.

Velaquí vos deixamos co vídeo da intervención completa da Alcaldesa Lara Méndez na #COP25: