O LIFE Lugo + Biodinámico é o protagonista no CIFP Politécnico de Lugo durante estes días, con actividades que se estenderán entre o 24 e o 25 de marzo. O mércores 24 de marzo, entre as 13h e as 14h os alumnos e alumnas do Ciclo Medio de Construción e do Ciclo Superior de Proxectos de Edificación visitarán as instalacións do edificio Impulso Verde, obra estandarte do LIFE Lugo + Biodinámico e primeiro edificio público construído integramente en madeira de Galicia.

O xoves 25 a partir das 12h celebrarase no Politécnico, para o mesmo alumnado, unha xornada divulgativa sobre o proxecto, na que se fará fincapé no desenvolvemento do Barrio Multiecolóxico proxectado na Garaballa e no proceso construtivo do edificio Impulso Verde. Ambas actividades se desenvolverán tendo sempre en conta as medidas sanitarias.

O Impulso Verde é un edificio con estrutura de paneis de madeira contralaminada e de vigas e alicerces de madeira laminada encolada que se está a levantar na Garaballa, e que supón o primeiro paso para o desenvolvemento do Barrio Multiecolóxico do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico. As obras do edificio, que se iniciaron a finais do 2020, teñen un prazo de execución de 15 meses estanse a realizar con madeira de Galicia, concretamente da Mariña. De uso público e con actividade permanente, a intención é que este edificio acolla servizos municipais e un coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.

A construción do edificio está baseada na ensamblaxe de paneis CLT que se erguen sobre unha laxa de formigón e se van unindo mediante escuadras metálicas e tirafondos. Nun primeiro paso instalouse a estrutura central de madeira laminada no chan e os paneis da planta baixa. Despois, colocáronse os paneis do forxado da primeira planta e os muros e forxados superiores, ata a cuberta. Na actualidade, trala instalación da gridshell, estase a traballar na división e instalación de escaleiras, tabiquería e carpintaría interior, antes de proceder á instalación da cuberta.

O Impulso Verde implicará un aforro de consumo enerxético dun 74 % respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54 % respecto aos de nova construción. No tocante ao CO2, emitirá un 90 % menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións. Trátase un edificio de balance enerxético case cero que será monitorizado unha vez estea construído, para avaliar o seu rendemento e detectar mesmo se pode producir máis enerxía da que consome.

Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinadas ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortas urbanas.

O Barrio Multiecolóxico é un proxecto do Concello de Lugo que se desenvolverá na Garaballa. Este barrio, que foi presentado pola Alcaldesa Lara Méndez á veciñanza da zona no pasado ano 2020 cunha boa acollida, busca garantir a inclusión e a equidade social e interxeracional, así como promover a saúde e o benestar mediante o desenvolvemento dunha aldea urbana que aplique solucións medioambientais.

As solucións que se prevén desenvolver no Barrio Multiecolóxico van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. No deseño das edificacións esixirase a inclusión de criterios bioclimáticos e de eficiencia enerxética, e contará con medidas para a xeración de enerxía renovable, o fomento da mobilidade sostible, o uso de materiais e tecnoloxías limpas e o aforro enerxético, orientando os viais, zonas verdes ou edificios para aproveitar o sol e os ventos dominantes.