O martes 20 de novembro presentouse o edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia construído a partir de madeira galega. Impulso Verde suporá, ademais, o paso inicial na creación do primeiro barrio multiecolóxico de España, tal e como se recolle nas Accións de Implementación do proxecto.

O edificio foi presentado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, nun acto con representantes do sector forestal e da madeira de Galicia, así coma colexios profesionais e medios de comunicación, que tivo lugar no CEI Nodus do Concello. Nas súas palabras, Impulso Verde é un “ambicioso e innovador proxecto, que sitúa á nosa cidade na vangarda do desenvolvemento urbanístico sostible e da economía verde”. Durante a presentación, a Alcaldesa estivo acompañada do Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro; o Deputado provincial de Relacións Institucionais, Álvaro Santos; Luis Ruiz, profesor da Escuela Técnica de Ingeniería Agronómica, Alimentaria y de Biosistemas da Universidad Politécnica de Madrid e coordinador das accións do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico na UPM; Manuel Guaita, catedrático do departamento de Enxeñaría Forestal da Universidade de Santiago de Compostela, director da Plataforma de Madeira Estrutural (PEMADE) e director do equipo técnico autor do proxecto Impulso Verde; e Belén Feijóo Lombao, técnica superior de apoio á investigación do departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e integrante do equipo autor do proxecto.

Lara Méndez asegurou ademais que este proxecto “marcará un punto de inflexión na construcción, que contribuirá de maneira decisiva a un cambio de paradigma constructivo cara modelos sostibles, respectuosos co medio ambiente, alternativos aos convencionais, que son altamente contaminantes e de baixa eficiencia enerxética, pois están baseados fundamentalmente nas tecnoloxías do aceiro e o formigón armado”. Tal e como se contempla no plantexamento do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, Impulso Verde será o primeiro chanzo para a creación dun barrio multiecolóxico, o primeiro de España, “que proxectamos para dotar de gran capacidade de adaptación e resiliencia ás contornas urbanas, pola súa capacidade de replicación e evolución no tempo”, apuntou Méndez.

O desenvolvemento e plantexamento técnico do edificio Impulso Verde, recollidos dentro do proxecto, foi elaborado polos socios das dúas universidades que participan no proxecto, baixo a dirección de Manuel Guaita e do arquitecto e profesor Antonio Lara. Este proxecto chega tralos éxitos acadados pola premiada Gridshell de PEMADE, a primeira estrutura do mundo feita con eucalipto globulus. O edificio erguerase nos espazos de actuación do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, entre os polígonos do Ceao e das Gándaras, nunha parcela situada na rotonda da avenida Infanta Elena. Seleccionouse este espazo xa que supón unha máxima visibilidade e proximidade a núcleos de poboación e actividade, centralidade no ámbito de actuación do proxecto LIFE e accesibilidade, que se reforzará co futuro desdobramento e humanización da vía na que estará ubicado.