Con motivo do Debate do Estado do Concello, no que Lara Méndez realizou o balance anual do seu mandato, a rexedora puxo en valor o programa LIFE Lugo + Biodinámico, “que nos sitúa xa no mapa galego, estatal e internacional como cidade innovadora na construción das cidades sostibles. A Comisión Europea acaba de ratificarnos como exemplo para outras urbes de tamaño medio, e esta mesma semana proxectos LIFE á vangarda de toda España destacaron a Lugo polas súas políticas decididas en urbanismo sostible a través da renaturalización e a confortabilidade dos espazos públicos, unha construción respectuosa e unha mobilidade neutra en carbono para mellorar a vida das persoas e o medio ambiente”. Lembra que estas actuacións axudan a impulsar a imaxe exterior da cidade nun ámbito “ata agora reservado só para o noso patrimonio romano, nova imaxe que non é baladí xa que supón un forte impulso á cidade como motor tractor e de atracción de empresas vinculadas coa bioeconomía e a economía verde”.

“Centenares de entradas en Google así tamén o certifican, a presenza reclamada da cidade en foros nacionais e internacionais para explicar a súa experiencia, así como as decenas de visitantes prestixiosos que pasaron xa polo edificio Impulso Verde aínda antes da súa inauguración, pero tamén alumnos de colexios e institutos de toda Galicia. E mesmo a Xunta pediu coñecelo para integralo no seu proxecto internacional EgurALT e impulsar a construción en madeira, seguindo agora os nosos pasos “que somos a primeira Administración en España en apostar pola madeira nas dotacións públicas no ámbito autonómico”, incidiu.

Ese impulso de marca cidade está acompañado por políticas de dinamización económica para reter e atraer talento e empresas e industrias de alto impacto social, innovador e ambiental, a través do fondo inversor Lugo Transforma, “co que esperamos crear 1.000 postos de traballo directos, o triplo de indirectos nun prazo de 4 anos”.  Iniciativa que se quere acompasar cos avances da Mesa da Diversificación Industrial para fornecer os sectores vinculados coa sostibilidade, a industria agroalimentaria e forestal e a innovación e co apoio ao comercio local e ao emprendemento.