O encontro “Construíndo Cidades Sostibles” organizado polo LIFE Lugo + Biodinámico os pasados días 19 e 20 de decembro rematou cun grande éxito de acollida por parte do público e profesionais asistentes. A través de catro sesións temáticas e dúas visitas guiadas, o encontro de cidades e proxectos de acción polo clima en contornas urbanas fixo un profundo repaso sobre todas as accións que se están a levar a cabo no LIFE Lugo + Biodinámico, ademais de compartir experiencias e pór en común os avances con outros proxectos europeos análogos.

A primeira xornada, que se celebrou no Vello Cárcere, contou coa presenza da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que presentou o evento e deu a benvida a todas as persoas que de xeito presencial ou telemático seguiron a xornada. Na súa intervención salientou os beneficios que o LIFE Lugo + Biodinámico está a reportar á cidade de Lugo. Despois da súa intervención participaron tamén membros das diferentes entidades socias do proxecto, coma Elvira López da USC, Luis Ruiz da UPM e Pablo Rivera da Deputación de Lugo. A mañá seguiu coa palestra sobre o Pacto dos Alcaldes da man de Meline González e continuou coas intervencións de Jose Alonso presentando o Plan Estratéxico Biodinámico e coa Planificación de zonas de confort climático residencial da man de Rubén Nieto Seijas e Roberto Pardo Barro. A sesión da mañá pechárona Susana Penedo pondo en valor o labor do proxecto, Jesús Ángel Martínez e Jorge Gómez coa presentación do Catálogo de Solucións de Deseño urbano sostible do LIFE Lugo + Biodinámico, Javier Mira salientando a sinerxía establecida co LIFE CerSuds para o pavimento filtrante e María Tortosa pondo en valor os beneficios do proxecto HOOP para a revalorización e xestión de cidades sostibles.

A xornada continuou xa pola tarde coas intervencións de Boris Hinojo, xerente do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, Lucas Perea falando das aprendizaxes compartidas co proxecto LIFE Watercool, Inês Freire salientando os beneficios do LIFE Lungs de Lisboa e Antonio Rigueiro e novamente Luis Ruiz pondo en valor os traballos realizados no Bosque Urbano das Gándaras. A xornada formativa presencial finalizou presentando o edificio Impulso Verde, da man de Belén Feijóo, arquitecta e membro de PEMADE, seguida de Manuel Guaita presentando o LIFE Wood for Future como continuación do proxecto LIFE e Gonzalo Anguita, director executivo de FSC, falando do traballo relativo ás certificacións para a construción sostible en madeira.

Podes ver a galería completa da xornada nesta ligazón:

A cita do martes consistiu nunha visita guiada ao Bosque Urbano das Gándaras e ao edificio Impulso Verde. No paseo polo Bosque Urbano salientáronse os traballos realizados nas diferentes accións demostrativas: a plantación de cultivos enerxéticos, os traballos para o establecemento dun souto, a área de frondosas autóctonas, o arboretum e un paseo pola contorna do humidal, xa recuperado. A visita guiada ao edificio Impulso Verde correu da man de Belén Feijóo e Boris Hinojo, que salientaron os traballos realizados no edificio e a súa contorna, que o convirten nun modelo a seguir para a construción sostible en madeira. A visita espertou moita curiosidade e interese entre as persoas participantes, pechando estas dúas xornadas formativas e demostrativas con gran éxito.

A galería desta segunda xornada, podes vela aquí:

Desde o LIFE Lugo + Biodinámico queremos dar as grazas a todas as persoas que asistiron, presencial ou telematicamente, e participaron neste encontro, convertíndoo nun espazo de intercambio de información e propostas de grande valor.