O edificio Impulso Verde recibiu este mércores 30 de marzo a visita do LIFE Wood for Future.
Dentro dos criterios do proxecto LIFE andaluz para establecer sinerxías, o equipo do LIFE Wood for Future organizou unha visita a Lugo para coñecer os principios de desenvolvemento da industria forestal e as iniciativas que dende o Concello de Lugo se están a levar adiante para o fomento do uso da madeira local na construción.

A visita ao edificio Impulso Verde e a posta en común de coñecemento entre proxectos LIFE organízanse grazas a unha colaboración entre PEMADE e a Universidad de Granada. Á visita ao edificio asistiron, ademais de autoridades locais de Lugo e membros do equipo do LIFE Lugo + Biodinámico, representantes da Universidad de Granada, membros do Consejo Social de Granada, o Grupo URECAN, o Delegado Provincial de Turismo, a Asociación de Constructores y Promotores, persoal do Clúster de Construcción Sostenible de Andalucía e membros da Agencia de Vivienda y Rehabilitación de Andalucía (Junta de Andalucía), industriais e arquitectos andaluces.

O LIFE Wood for Future ten como obxectivo recuperar as alamedas da Vega de Granada e transformar a súa madeira en elemento estructural para a construción. Ademais, o proxecto pon o foco no impulso ao desenvolvemento dun sistema económico andaluz sostible ao longo de toda a cadea de valor, dende o sector primario ata o da construción, permitindo a implantación da bioeconomía do chopo en Granada e toda Andalucía a través da valorización ao máis alto nivel da súa madeira.

O interese que xera o Impulso Verde débese principalmente ao seu uso da madeira como elemento estrutural, así coma a súa aposta polo consumo enerxético case nulo reducindo as emisións de CO2 á atmosfera nun 90% con respecto a construcións homólogas de formigón e aceiro. O Impulso Verde é a primeira construción de carácter público de Galicia levantada en madeira local e é, ademais, o primeiro en España e un dos poucos no mundo en obter a prestixiosa certificación de proxectos FSC (que garante que non contribúe á deforestación e aposta polo produto local), converténdose nun referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.