A proposta de aprobación do edificio Impulso Verde, estandarte do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, pasa esta semana á Xunta de Goberno Local, que revisará os novos pregos de adxudicación da obra.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lembra que este edificio permitirá desenvolver o valor engadido da madeira e doutros cultivos autóctonos, situando á cidade, á provincia e á comunidade no mapa da innovación ecolóxica. O Impulso Verde é un inmoble pioneiro e innovador que “será o primeiro edificio público de Galicia executado na súa integridade con madeira autóctona”, sostivo a rexedora. “A madeira da estrutura debe ser galega e certificada, un compromiso ineludible e prioritario neste proxecto, para demostrar que nun territorio como o noso podemos non só producila como os mellores no mundo senón convertela nun elemento esencial construtivo para usos residenciais e urbanísticos”.

Lara Méndez engadiu: “Sabemos que o edificio Impulso Verde suporá unha auténtica revolución no modelo de construción urbana, baseada no mellor que temos, os nosos recursos naturais, para minimizar o impacto ambiental e mellorar a calidade de vida dos e das lucenses. Pero tamén será un revulsivo económico para dinamizar o sector forestal de Lugo e de Galicia ao abrir as portas a un novo modelo produtivo de alta tecnoloxía”, subliñou.

O edificio Impulso Verde foi deseñado cun sistema de estruturas laminares reticulares de eucalipto para a súa utilización en cubertas, e un panel de madeira contralaminada de piñeiro radiata para a súa aplicación en edificación en altura. En canto ás innovacións, será un inmoble de balance enerxético case cero, é dicir, será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Cando estea construído, monitorizarase para avaliar o seu rendemento e detectar, incluso, se pode producir máis enerxía da que consome. Ademais, o seu modelo de construción implicará un aforro do gasto enerxético nun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e nun 54% con relación aos de nova construción.

Este edificio, un dos alicerces principais do proxecto LIFE, asentarase no novo Barrio Multiecolóxico que se desenvolverá en dous sectores da zona da Garaballa, buscando garantir a inclusión e a equidade social e interxeracional, así como para promover a saúde e o benestar mediante a creación dunha aldea urbana que proporcione á veciñanza un abano amplo de usos no barrio: vivenda, transporte, instalacións e servizos recreativos e comunitarios, espazos públicos e pequenos comercios.