O martes 3 de novembro iniciáronse as obras do edificio Impulso Verde, coa presenza da Alcaldesa Lara Méndez e do concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto.

O edificio Impulso Verde erguerase cunha estrutura de paneis de madeira contralaminada e alicerces de madeira laminada encolada, no barrio da Garaballa e será o primeiro edificio público de Galicia construído con madeira autóctona certificada, concretamente dun serradoiro de Alfoz, na Mariña Luguesa. Este edificio será o xermolo do primeiro Barrio Multiecolóxico de España, proxectado para ofrecer aos seus veciños e veciñas solucións urbanísticas e construtivas que reduzan a contaminación e deste xeito, combater o cambio climático dende a cidade de Lugo.

A obra, que foi adxudicada este ano á empresa EGOIN S.A por 1’5 millóns de euros, conta cun prazo de execución de 15 meses, tendo en conta que “a construción da estrutura e os cerramentos do edificio estarán levantados en 3 ou 4 meses, a metade de tempo que nun edificio de formigón”, destacou Lara Méndez. Ademais, engadiu: “a importancia de que a madeira sexa de Lugo, concretamente da Mariña, permitirá tamén darlle un impulso ao sector forestal utilizando a madeira como elemento construtivo das cidades resilientes e sostibles do futuro, en cuxo deseño estamos traballamos desde o Concello”.

O proceso

A estrutura do edificio componse de muros de madeira contralaminada cunha estrutura central de alicerces inclinados e vigas de madeira laminada con forxados de madeira contralaminada, xerando fachadas acristaladas mediante armazóns de madeira laminada nas fachadas sur e norte. Ademais, a maior parte da cuberta soluciónase mediante unha estrutura de madeira laminada en forma de Gridshell ou reixa, deseñada polo Campus Terra da USC, socia do proxecto.

A súa construción baséase nunha montaxe de paneis CLT desde un tamaño de 3×3 a 3×13,5 metros. Os paneis en cuestión vanse levantando sobre a laxa de formigón previamente formigonada e vanse unindo entre si mediante escuadras metálicas específicas e tirafondos. Inicialmente, montarase a estrutura central de madeira laminada no chan e levantarase xunto aos paneis de planta baixa que servirán para o arriostrado lateral da devandita estrutura. A posteriori, colócanse os paneis do forxado da planta primeira e iranse colocando paneis de muros e forxados superiores ata chegar á altura de cuberta.

Neste senso, cómpre sinalar que se irá levantando o bloque central do edificio deixando para o final a zona da escaleira para que as instalacións de ventilación se vaian realizando. Ademais, os paneis de fachada sur tamén se deixarán para o final. Unha vez levantada a estrutura principal en CLT, procederase á montaxe do armazón de madeira laminada de fachadas sur e, unha vez montado, levantarase para ser situados no seu sitio e despois montar os paneis de CLT restantes desta fachada. Cando as instalacións de ventilación estean terminadas, montaranse os paneis da zona de escaleira e o armazón de madeira laminada desta fachada, previamente montada no chan, tal e como se expón facelo co armazón da fachada sur. Por último, procederase á montaxe dos distintos gridshell de cuberta. Neste caso, tamén se prevé montar a xeometría de cada gridshell no chan e levantar cada unha delas ao sitio.

O edificio

Este modelo de construción implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción. Polo que se refire ao CO2, emitirá un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións. En canto ás innovacións, será un edificio de balance enerxético case cero, é dicir, será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Cando estea construído, monitorizarase para avaliar o seu rendemento e detectar, incluso, se pode producir máis enerxía da que consome.

Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinadas ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos. De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.

O plano coas fases de construción do edificio pode consultarse e descargarse aquí:
[Download not found]